EntrevistasArchive for the ‘’ Category

posted by O GarcíaSetO García on 3

Entrevista a García Mc

Ramiro Torres.

Foto 4 García Mc

– Palavra Comum: Que é para ti a música?

– García MC: Creación artística, externalización de sentimentos, de pensamento e de vontade. Manifestación cultural dos pobos que recolle cosmogonías acumuladas en evolución constante, unha arma liberadora, mais tamén xoga un papel importante pola utilización que fai o poder dela con fins de dominación. Considéroa unha ferramenta terapéutica para o auto-coñecemento e o crecemento persoal e que pode ter a capacidade de xogar un papel transformador socioloxicamente no que a xustiza social se refire. Para min a música é unha outra trincheira da loita.

– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

– García MC: Estou en tempo de seca agora! Enténdoo como me vai ditando o corazón, a verdade, o intelecto póñollo despois normalmente, sabendo que os grandes procesos de creación son explosións onde se pon a traballar o plano emocional, o plano intelectual e é rematado coa habilidade que se teña para executar tecnicamente a obra en si.

– Palavra Comum: Que outras artes te chamam? Procuras diálogos com elas?

– García MC: Sempre procuro diálogos, si. No traballo discográfico que veño de editar hai un ano e medio dinlle moita importancia ao visual e aos materiais da edición, intentando ampliar o universo do que se pretende transmitir musicalmente a través do simbolismo, das cores, da poética a través da imaxe. O Rap de por si é un diálogo artístico entre musicalidade e oralidade e a Cultura Hip Hop, como movemento integral que é, recolle infinidade de formas expresivas que dialogan entre si. En Dios Ke Te Crew comezamos a nosa andaina reivindicando ademais tódalas vertentes artísticas do Hip Hop, xuntando nun mesmo espectáculo graffiti, breakdance, beat box… No persoal non me gusta facer moita énfase na separación das diferentes artes, aínda que exista, evidentemente, pero sería entrar nun terreo pantanoso pois a aspiración do creador artístico penso que debe estar por riba do vehículo que utilice para tal cometido.

– Palavra Comum: De quem te sentes, criativamente, filho ou irmão?

– García MC: Da totalidade.

– Palavra Comum: Que músicas/músicos reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?

– García MC: O Ghato Persa, MC membro de Alto Asalto que está por vir, aínda que como grupo os propios Alto Asalto xa son coñecidos. Sempre ata certo punto claro, porque os medios de comunicación “públicos” como a TVG funcionan como factorías de ignorancia masiva e como é sabido teñen censurado todo o que teña que ver coa música que produce pensamento crítico e por causas como esa grandes artistas deste país non os coñece o 95% da poboación… En todo caso eu reivindico o underground como trincheira, reivindico a autonomía como creador. A Outra Cultura que dicimos, a que está feita desde abaixo e para abaixo. Cómpre construír institucionalidades outras recuperando, mais tamén inventando, o novo mundo que pretendemos.

– Palavra Comum: Tens falado sobre as tuas experiências em Chiapas? Que estimas interessante delas para a arte e a vida?

– García MC: Para min a dignidade rebelde indíxena é a máis alta escola na vida. Son Comunidades que practican a arte da vida desde a súa cosmovisión e coas súas contradicións, pero, o que é máis importante, sendo suxeitos colectivos soberanos á hora de decidir, abrindo fendas no contexto de guerra global capitalista que todo o impregna. Destaco que elas e eles xa comezaron a camiñar, xa mudaron en grande medida as súas formas de relacións sociais: cambiando a competitividade polo cooperativismo e o apoio mutuo. Destaco tamén que levan adiante mudanzas desde unha perspectiva integral e a pesares das supostas diferenzas tan marcadas, que obviamente existen, entre Chiapas e outras realidades como a galega, o inimigo que enfrontamos é o mesmo. Chámase neo-liberalismo e vai contra o humano do humano e os dereitos de toda a Natureza. Cada realidade, cos seus xeitos e modos, ou emprende camiños radicalmente antisistémicos encetando verdadeiras democracias, liberdades e xustizas ou xa sabemos o que hai, o sistema actual non ten marcha atrás e só nos ofrece desprezo, espolio, represión e explotación. Os zapatistas levan a cabo o Terra e Liberdade, actuando ante calquera dificultade: onde eles destrúen, nós construímos é a súa praxe irrebatible para calquera humanista.

– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

– García MC: Teño en mente pequenos grandes proxectos no que a música se refire, como unha viaxe musical de aquí a Guiné-Bissau por terra, novas experiencias con músicos que xa están en marcha, un novo traballo discográfico… e un pequeno grande soño, construír unha Comunidade rebelde e aberta ao mundo dende unha lóxica anticapitalista e do bon-vivir.

– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

– García MC: Un espazo de Autonomía, necesario, acho xenerosidade e compromiso coa nosa cultura, só me queda agradecer, como lector da Palavra Comum, tanto esforzo e darvos os parabéns, beizóns e cante o merlo!

García Mc – Positivas Vibracións (Dios Ke Te Crew, Xénese, 2006) no Festival Son das Mámoas (Candeán, Vigo. Galiza) acompanhado por DJ Mil durante a Xira Abaixo e De Pé Tour. Foi em 2013.

García MC e Lengualerta em CCH Vallejo (UNAM), Regeneración Radio em México DF, o 18 de Fevereiro de 2014.

posted by O GarcíaXanO García on 21

 

García Mc acaba de editar o seu primeiro E.P. en solitario, ‘Abaixo e De Pé’. Un disco que non só celebra as loitas contra o poder da xente humilde de todo o mundo, senón que convida a aprender do exemplo de dignidade de Chiapas. Da rebelión que é posible malia a peor das represións. Da posibilidade de construír unha realidade alternativa. De facernos donos de nós.

A túa relación con Chiapas, da que parte o E.P., é máis que musical, non si?

Estiven cinco veces en México coas comunidades zapatistas. Unhas veces en brigadas de solidariedade e outras veces pola miña conta. A primeira vez foi no 2006. Fixen unha viaxe por México e por centroamérica, quedei impactado co movemento zapatista (o cal só coñecía por libros…) e así comezou a relación. Máis adiante voltei cunha brigada composta por persoas de diferentes espazos sociais galegos desde o Colectivo Fuga em Rede, nesa viaxe participamos nun encontro de mulleres zapatistas, etc, etc. A última vez coa Brigada Europea de Solidariedade cos Zapatistas. Neste tipo de brigadas vas normalmente como observador: tomas notas, fotos, audios, vídeos… recolles testemuñas da xente que padece violacións dos seus Dereitos Humanos por parte de militares e paramilitares.

Falas no tema ‘Rúa Arriba’ de “alternativa en forma de autoxestión, alternativa en forma de autonomía na decisión”… Nunha terra na que o Estado non debe estar moi presente… 

O Estado está: todos estamos dentro do sistema. Pero si é verdade que en Chiapas conseguiron construír alternativas. Construíron a súa propia realidade desde unha perspectiva anticapitalista, cos seus servizos de educación e saúde, coa súa xustiza, coa súa economía baseada en grande medida na soberanía alimentaria. Procuran a autoprodución para poder depender o mínimo posible do sistema. Eles defíneno como “autonomía”. As comunidades forman municipios, diferentes municipios forman unha zona e hai cinco zonas de territorio autónomo. A Junta de Buen Gobierno é o goberno autónomo de cada zona, que se organiza sen partidos políticos. Son os propios labregos os que se autogobernan, con cargos rotativos. E conseguiron enormes avances, como na loita contra a mortalidade infantil. Tamén houbo moitos avances en canto á participación das mulleres: hai asembleas e cooperativas de mulleres, unha clínica para mulleres… Antes do movemento morrían moitas no parto, e todo iso está cambiando. O seu nivel de empoderamento é moi forte.

En ‘O Oficio da Palabra’ as letras e rapeos son túas e do mexicano Lengualerta. Como o coñeciches?

Lengualerta é un músico de México D.F.. Coñecino en Chiapas mostrando o noso arte sempre á carón dos indíxenas rebeldes. É un artista moi comprometido, con bastante pegada en México no movemento underground. En realidade, hai alí unha escena potente de rap, reggae… É habitual que aos encontros de zapatistas acudan músicos e outros artistas da cultura alternativa. Do mesmo xeito que, por exemplo, de Galiza foron a Chiapas Pallasos en Rebeldía.

O sentido xeral do E.P. é a conexión entre a loita zapatista e todas as loitas das persoas que están “abaixo e de pé”. Tamén en Galiza. 

O impacto que me produciu convivir con eles e coñecer a súa realidade fixo que me decatase da necesidade de tender pontes entre as nosas loitas e as de alá. As diferencias entre a nosa situación e a dos zapatistas son grandes, claro, pero o estar abaixo e de pé é común a todos, e en xeral a toda a xente humilde e sinxela de todos os pobos do mundo. Hai moitas conexións entre os dous mundos, o noso e o deles, como unha tradición común de loitas apegadas á terra.

O disco inclúe a transcrición das letras e a súa tradución a inglés e a castelán. Por que?

Moita xente reclamábanos as letras porque igual algunhas cousas non sempre se entendían ben de todo na escoita. Tiñamos un debate sobre iso, porque o rap é palabra rapeada, non é texto para ser lido. Pero decidín que fosen as letras no disco polo seu carácter local e nacional mais tamén global e aproveitei para incluír tamén as traducións. As traducións a inglés son de Patricia Janeiro, agás a do poema ‘Amor e sangue en Chiapas’ de Lois Pereiro, que é cortesía do seu tradutor, Jonathan Dunne. As traducións a castelán son de Daniel Salgado, e a revisión lingüística das letras en galego é de Leo. A idea é facer unha xira por México e outros lugares de latinoamérica, África… para presentar o E.P. e, claro, quero que os compañeiros mexicanos por exemplo poidan ter o complemento e a posibilidade de profundar nos conceptos… Tamén teño a intención de abrir un espazo web para que quen queira poida traducir as letras a calquera outra lingua, xa están en catalán, prontiño en éuscara e outras. Somos universais sendo como somos esa é a idea, que ninguén teña escusas para non achegarse á nosa lingua, animeime a facelo así tamén influenciado por selos discográficos como Metak de Fermin Muguruza.

O deseño do disco está cheo de símbolos. Podes explicalos?

O deseño da portada e da contraportada é de Gran Om (México), e o deseño interior é de Arispunk. A portada é a representación de dous mundos, iguais e diferentes, diferentes pero iguais. A palabra rapeada conecta dous mundos que aparentemente non teñen que ver, pero que teñen moito en común, como o carácter anticapitalista. Na contraportada, as diferentes cores do millo representan as diferentes culturas, cores de pel, linguas… dos distintos pobos que comparten en todo o mundo unha mesma loita apegada á terra. Os motivos florais que se atopan no pano co que un dos homes da portada tapa a cara representan a palabra florida, símbolo da loita dos zapatistas. Eses mesmos motivos florais están no propio CD, formando un sol. Se levantas o CD, detrás, na caixa, está a lúa, coa frase ‘Lo más oscuro de la noche es antes del amanecer’. No libretiño no que están as letras hai tamén moitos símbolos: a fouce, a nena labrega, o sol, a ponte, Castelao, os Panteras Negras nas Olimpíadas do 68, un cadro de Diego Rivera, un cartel no que se pode ler “Está usted en territorio zapatista en rebeldía aquí manda el pueblo y el gobierno obedece”, outro cartel da Revolución Mexicana, de “Viva Zapata”, Fisterra como final dun mundo e o principio doutro… O caracol é para os zapatistas un símbolo do uso da palabra, da chamada á asemblea. O millo simboliza o sustento, o sol é o elemento que dá vida na terra…

O primeiro e o quinto tema do disco son dúas versións do mesmo, ‘Rúa Arriba’. A segunda soa máis mexicana… 

‘Rúa Arriba’, que é un tema que escribín na primeira viaxe que fixen a México, leva unha voz en off que é un extracto dun discurso do Subcomandante Marcos. Esa segunda versión que dis, ‘Rúa Abaixo’,  quixen que transcendese o mexicano e ao mesmo tempo tivera presencia para soar máis latinoamericano e por iso ten ese ton salseiro que pode conectar con diferentes realidades latinoamericanas ademais de con México. O solo de trombón é de Antonio Rodríguez (de Dakidarría e Transilvanians), e colaboran nas voces Emiliano Siem ‘Chino’ e Pepa Yáñez. Os dous eran membros de ‘A Combativa’, un grupo de salsa brava que tivemos. Dese tipo de salsa con mensaxe que non ten nada que ver coa comercial. O sampleo que leva é de Willie Colón, dun tema de Rubén Blades.

“A miña xente está abaixo e nela teño fe”, di ‘Abaixo e de pé’. Neste tema están A Ría Non se Vende, Salvemos Monteferro… todos “abaixo e de pé”, como en Guatemala, México, El Salvador, Taiwan ou Senegal… 

É que, malia ser realidades moi diferentes, eu creo que os movementos sociais populares nosos, e os de todo o mundo, poden nutrirse moito dos zapatistas. Porque eles conseguiron ser donos das súas vidas en grande medida. E creo que é moi importante difundir isto, mostrar que se pode facer e que se fai en Chiapas malia a represión e o militarismo. Eles demostraron que se pode subverter o sistema e construír outras realidades. Por iso representan moi ben o que é estar abaixo, pero ademais de pé. E en ‘Abaixo e de pé’ falo, tamén por iso, de xente que construíu a historia dos nosos movementos sociais populares, persoas ás que nunca lles van poñer unha estatua… malia o fundamental que foi ou é seu exemplo. Como a nai de Xosé Tarrío. Persoas que non chegan a transcender ao nivel do mito en amplos sectores da sociedade, pero que son líderes naturais moi importantes para escribir a historia dos que somos abaixo. Falo aquí da “miña xente” nun sentido de proximidade, pero tamén de xente que non coñezo en persoa pero que son exemplo de dignidade, de resistencia e de combatividade contra o poder establecido e os seus crimes. Xente que se mantén en pé de loita a pesar da represión e sen deixar de ser humildes e sinxelos. Como Xosé Reigosa, que foi unha persoa fundamental na loita en defensa da terra para o noso pobo. El era como un zapatista máis para min, un gardián da terra.

‘Rúa Arriba’ fala da propaganda e do monopolio da violencia en mans do poder. ‘Abaixo e de pé’ fala da ocultación da nosa historia e do silenciamento da tortura no Estado español. Este tema lembra un pouco a ‘4ª Guerra Mundial’ do disco ‘Humanose’ de Dios Ke Te Crew, coa súa crítica ao sistema carcelario. Aínda que represión e abusos policiais xa estaban tamén en ‘Xénese’…

O do monopolio da violencia é un tema que me preocupa, si. O poder cuestiona calquera mínimo acto que interpreta como violento, pero socialmente non sempre se pregunta pola raíz dese comportamento violento que o poder mesmo provocou. Non son iguais todas as violencias. Non é igual a violencia do poder que a lexítima defensa. A violencia que máis se está a exercer agora é a do poder: a do Estado e a do capital. É a violencia que padecemos as clases populares, e que adopta moitas formas: da carga policial ao paro ou os recortes nos dereitos sociais. E os zapatistas tamén nos dan leccións nisto. Porque son unha xente pacífica, que teñen un exército, o EZLN, cuxa consigna é que eles son soldados para que un día non haxa soldados. O seu máximo compromiso é desaparecer como exército. Teñen un alto o fogo desde o 94 que o goberno federal non respeta. Porque as bases de apoio zapatistas sofren o cárcere, secuestros, asasinatos… todo tipo de represión política. En definitiva parafraseando a Cortázar “é importante comprender quen pon en práctica a violencia, si os que provocan a miseria ou os que loitan contra ela”.

É importante o tema do cárcere pola inxustiza tan profunda na que se basea, o control social o castigo social: os datos oficiais demostran que o cárcere está cheo de condenados por delitos contra a propiedade privada, (pequenos furtos), delitos supostamente contra a saúde pública (drogas)… É dicir, a enorme maioría das persoas que están en prisión provén de sectores sociais que padecen a peor cara deste sistema criminal, a exclusión social. O da ‘IV Guerra Mundial’ é unha definición zapatista tamén. A terceira foi a Guerra Fría, e a cuarta é a guerra do neoliberalismo contra a humanidade. Neste contexto, na fase actual do capitalismo, pódese dicir que a maior parte dos presos son políticos. Porque é a desigualdade e a inxustiza do sistema a que leva a xente á desesperación e a que produce esa realidade de empobrecemento social, pobres na cadea e corruptos no poder. A xente de abaixo é quen padece a prisión, o sistema carcelario. Cousas que están no durísimo Código Penal español só se encontran no de Turquía por exemplo… É terrible, e hai anos que existe a cadea perpetua encuberta porque, que é senón estar 30 anos ou máis no cárcere? Hai infinidade de informes e colectivos de defensa dos Dereitos Humanos que denuncian torturas nas prisións españolas dende fai décadas. Amnistía Internacional, por exemplo… Os datos son escalofriantes. Hai mortos baixo custodia en comisarías, en centros penitenciarios, en cárceres para menores, nos Centros de Internamento para Estranxeiros… É unha auténtica lacra social a tortura no Estado español, e case ninguén fala dela. E todo isto ten moito que ver co feito de que no estado español o que houbo foi una falsa Transición. Mantendo en boa medida formas do vello réxime como ese tribunal político que é a Audiencia Nacional.

A letra de ‘Amor e sangue en Chiapas’ é o inconfundible poema de Lois Pereiro. Tiña que estar neste disco… 

O poema está en ‘Poesía última de amor e enfermidade’. E a voz falada que podemos escoitar é do propio Pereiro, que explica moi ben o que significaba a revolta de Chiapas para unha persoa coma el, que se movía entre as bandeiras vermellas e negras. A revolta de Chiapas foi no 94, e Lois Pereiro xa se posicionou a favor dela pouco despois. Unha persoa libertaria coma el, que tamén bebía do marxismo, poñíase do lado das vítimas, claro. Nese poema mestúrase o tema de Chiapas coa postura existencial de Pereiro, co seu posicionamento ante a vida, o seu amor pola vida e pola xente… Neste poema vese claramente una dobre lectura amorosa e rebelde. Ler a Lois Pereiro cámbialle a un a vida…

Non todo o mundo é zapatista en Chiapas. Ti mesmo dis que os zapatistas combinan diferentes tradicións políticas… 

Manteñen usos e costumes tradicionais que xa estaban no mundo indíxena, na súa cultura. Como os símbolos dos que falabamos antes, por exemplo. Tamén son referentes os símbolos da Revolución Mexicana: Villa e Zapata, “la tierra es de quien la trabaja”. E, da parte moderna, tamén o marxismo: eles tomaron os medios de produción ao expulsar ós terratenentes e recuperar a terra. Tamén hai unha pegada libertaria, na cuestión da autoxestión. Non están organizados en partidos políticos. Eles constrúen desde abaixo e para abaixo. A todos lles toca gobernar e mandan obedecendo. Na Junta de Buen Gobierno só fan de xestores, porque as decisións tómanse nas asembleas populares. Non poden actuar unilateralmente. Como tampouco pode facelo o EZLN. E claro que non son todos zapatistas. Nunhas comunidades son zapatistas todos ou case todos; noutras hai xente que o é e xente que non: que son simpatizantes dos partidos tradicionais, por exemplo; e noutras non son zapatistas. O problema é que algúns son paramilitares, grupos organizados e financiados polo exército nesa estratexia de contrainsurxencia que se implantou desde Estados Unidos e se estendeu por toda América. O Goberno lávase as mans, malia que todo o mundo sabe que os paramilitares están apoiados ou financiados por estruturas locais, estatais ou federais. Tamén o propio Exército Federal está moi presente en Chiapas. Hai moitos reténs militares que bloquean o paso á xente por lugares estratéxicos, como os mananciais…

O disco conta con moitas colaboracións…

Está editado baixo unha licencia creative commons. Polo momento só está o formato físico en CD, pero máis adiante estará tamén en internet. É un traballo de artesanía, feito localmente pero que respira globalmente. Un disco que vai do local ao global e ao revés. Foi gravado no estudo que temos Dios Ke Te Crew, e foi un compañeiro, Mou, quen gravou, mesturou e produciu boa parte das bases musicais, fixemos entre os dous os arranxos… tamén hai un beat de Croma. Nas voces colaboran Chino e Pepa Yáñez. En ‘Abaixo e de pé’ está ‘DJ Mil’ nos scratches, como Gende Beat en ‘O Oficio da Palabra’… O disco foi masterizado por Arturo Vaquero.

Agora hai moitos grupos de hip-hop en Galiza…

Si, hai moita xente. Algúns de nós entendemos o Hip Hop como un Movemento social ou político-social. Un movemento que naceu dos excluídos do Bronx e se estendeu a todo o mundo, porque onde hai exclusión social hai hip-hop. Para nós o esencial do hip-hop é o seu sentido social, positivo e crítico. Por iso tentamos fuxir do tópico do rapeiro que, en realidade, reproduce os valores do sistema capitalista con ese rollo egocéntrico e competitivo. Nós estamos co que foron as raíces do hip-hop: Áfrika Bambaataa e a Zulu Nation. Un mozo do Bronx, Bambaataa, decatouse na súa viaxe por África de que moitos xeitos de expresión do seu barrio: a danza, a palabra recitada… se parecían aos do pobo zulú. Despois conectou estes modos de expresión co graffiti ou o breakdance, ou a cultura dos DJs que poñían a música que non aparecía nas radios comerciais, ou os Sounds Sistems nos que os breakers facían piruetas en trance. Con todos estes elementos naceu o rap. Conxugando a parte máis festiva coa que a xente se liberaba a través da música co uso da palabra do MC, por iso se chamaba RAP que é Rhytm and Poetry. A cultura do hip-hop engloba todos eses xeitos de expresión da rúa, do barrio, dos excluídos. E vaise volvendo cada vez máis reivindicativa, ao xeito de Public Enemy por exemplo. Era o xeito de expresarse da xente do guetto, o seu medio de comunicarse. Xunto a esta parte festiva e reivindicativa desenvolveuse máis tarde tamén o gangsta rap, ligado ás bandas e máis propio de Los Ángeles. Aí é onde tiveron cabida os discursos máis competitivos, ás veces machistas… E moitas veces a imaxe que se transmitiu do rap partiu de aí: o malote coas xoias… O que nós preferimos non é este modo de entender o rap, se non a idea da unión e do traballo social do hip-hop. A idea de comunidade, de ser fortes xuntos, a cultura anticapitalista…

E tedes, como Dios Ke Te Crew, algún proxecto para as próximas datas?

Temos proxectos moi impactantes para o próximo ano nos que estamos traballando que daremos a coñecer en breve. Novos pasos nestes anos de percorrido.

Theme Design by Deeogee. Key West Kayaking Sedona Scenic Drives South Beach Galleries