Crónicas de viaxeArchive for the ‘’ Category

posted by O GarcíaAbrO García on 18

CRÓNICA APRESURADA DE UN CONCERTO NO PATIO DA PRISIÓN, San Cristóbal de las Casas, Chiapas, México.

 

Sí, sí, caixón, dúas guitarras, acordeón e o contrabaixo tamén puido pasar si. Visitamos ao preso organizado Alejandro Díaz Santis, un indíxena tzotzil que leva 14 anos e 8 meses en prisión, agora xa pode falar algo de castilla, cando o condenaron non puido defenderse, as persoas indíxenas en México sofren case sempre xuízos ateigados de irregularidades, sen interpretes, ou con interpretes en outras linguas orixinarias ás do acusado como é o caso, sen garantías xurídicas na defensa.  Ser indíxena e non ter cartos o que si garante é que non se respecten os dereitos nun estado tremendamente abusivo cos pobos orixinarios. Tódolos seus compañeiros do colectivo de presos “Solidarios La Voz del Amate” xa lograron a súa liberdade, o último foi Alberto Patishtán, saíron froito da loita incesante dentro e fora da prisión, todos eles son adherentes a Sexta Declaración da Selva Lacandona do EZLN.

 

Aínda que pareza surrealista conseguimos meter tódolos instrumentos  que vos dicía na prisión pasando tódolos controis, recibíronnos os compas e situámonos no patio da prisión a banda de músicos franceses e un mexicano, un alemán, outra mexicana e máis eu. E a música comezou a soar da man destes tolos con moita actitude e un aire aos primeiros Mano Negra, comezaron a chegar máis e máis presos (ao principio con miradas de alucine) e nun momento dado fun reclamado para lanzar proclamas en forma de Rap, acordamos un par de acordes e velocidade rítmica en apenas 20 segundos e voilá a palabra xa estaba na miña man e lanzáronse as líricas rebeldes coas respectivas proclamas anticarcerarias ou en favor da liberdade e a xustiza, falando de que no mundo que anhelamos non existen as prisións.

 

Ao pouco dirixímonos a un espazo cunha mesa e unhas cadeiras onde Alejandro comezou a narrarnos a súa situación e a de tantos outros presos que non cometeron os delitos que se lles imputaron. Ou que non tiveron as garantías necesarias nos seus xuízos. Falamos de moitas cousas… por exemplo do imposible acceso á saúde si non tes recursos económicos, das mortes baixo custodia… falounos do frío que pasan… e foi como sempre, impactante estar alí dentro e ver  quen padece a prisión: os excluídos sociais de sempre. Vimos o acinamento e que algúns presos dormen no chan. E percibimos unha inmensa alegría co balón de osixeno que supoñen as visitas para estes compas presos. Faleille bastante tamén a Alejandro da inxusta realidade na nosa terra e dos nosos presos políticos e en definitiva de un sistema carcerario profundamente inxusto no estado español. Cuestionando de base o control e o castigo desproporcionado como ferramenta de superación ou reparación de conflitos, non resoltos, coas súas raíces case sempre en lóxicas de clase(s) social.

 

Soaban os chifres dos gardas sen parar indicando o horario do remate da visita e ninguén se movía. Diciámoslles e diciámonos non estamos sos, apertas poderosísimas, apertóns de mans tremendamente humanos, palabras e miradas lindas, liberdade polos catro costados nese intre, e volveu a soar a música á saída de xeito espontáneo e absolutamente rebelde, entre chifres e unha megafonía que todos ignoramos por completo. Nos primeiros acordes fomos rodeados pola maior parte dos presos xa preto da saída e esbourou todo! O baile, as risas, a emoción desbordante, os berros de “el rap también!” e os chistes, como: “quédense diez años más compas!” entre gargalladas, soaba unha canción tras outra, sen que abriran o circulo, o baile dos ninguneados non cesaba, os berros de tribo primeira non paraban.

 

Antes de irnos Alejandro agasallounos con unha artesanía a cada un das que fan eles, nun símbolo de dignidade de non dubidar en desprenderse de algo que simboliza algo tan humano como indescritible.

 

Sentímonos todos tan libres neses minutos de euforia colectiva que semellaba que non había muros, por un intre só.

 

Liberdade, liberdade, liberdade!

 

Serxio Regos “García” (Fuga Em Rede). Chiapas, México, 2014.

 

O nome do grupo é Dale Mure.

posted by O GarcíaMarO García on 3

Atópome na cañada ao pé de cerros mestos de selva e nubes na Comunidade de Champa pertencente ao Municipio Autónomo Rebelde Zapatista (MAREZ) que leva por nomeLibertad de los Pueblos Mayas. Toda esta Zona de Selva Fronteiriza consta de tres MAREZ è rexida en grande medida por formas de goberno autónomas, a nivel local, municipal e como vos digo de zona. Existen 5 zonas autónomas zapatistas, esta na que estou è xestionada polo goberno popular, non partidista, participativo e con independencia do estado denominada La Realidad.

Chopol Ajgualil quere dicir Mal Goberno en lingua Tseltal, Lekil Ajgualil quere dicir Bon Goberno, ou sexa o da xente, o que manda obedecendo baixo sete principios neozapatistas, o primeiro deles è Servir e non Servirse. Vagalume ou lucecú dise mutzit. E os nosos compas indíxenas rebeldes (parafraseando un texto de Don Eduardo Galeano) son un Mar de Fueguitos.  “Algunos fuegos, fuegos bobos, no alumbran ni queman; pero otros arden la vida con tantas ganas que no se puede mirarlos sin parpadear, y quien se acerca, se enciende.” Velaquí un exemplo para a Humanidade, ollo, non acabado, din por aquí, a loita é como un circulo nunca remata, e ollo, non se fala da perfección (e aí entra en xogo tamén as lentes coas que se mire), pero van dando os pasos e que pasos, que dignos pasos, alumean como fachón para fecundar a terra de noite.

Transformar as relacións sociais, poñer en marcha dende xa, mais de vagariño, o exercicio dos poderes populares, sen paternalismos desactivadores e desarticuladores dos movementos sociais máis radicais. Fálase aquí de autodeterminación, de independencia, de autonomía dun xeito integral, das institucións dos movementos, de que quén teña cargo, calquera que sexa non poda decidir unilateralmente.

Non podemos deixar as nosas vidas en mans de ninguén, por xenial que sexa, non podemos seguir apostándolle a estruturas verticais de partido guía coa razón absoluta porque hai xente aí que estudou moito, xerando unha separación insuperable polo resto dos mortais, falo do vangardismo iluminador, ou aspirar a ser partido-estado.

Sabemos que pode xerar falta de liberdade, ou o que é o mesmo que decidan por un/unha. Claro que pode soar xenial a tentación de gañar unhas eleccións e cambiar as cousas desde arriba, pero sabemos por experiencia histórica que fracasará (si só se trata deso), pois querémolo todo, toda a liberdade dende agora, sen medias tintas, correspóndenos a nós exercela sen permiso. Cómpre cuestionar a figura do estado tamén, obviamente o alleo, mais tamén o propio que se pretende non solucionará tódolos padecementos de abaixo, penso que non è preciso poñer os exemplos aínda con tódolos logros que se teñen dado nese senso.

Espazos constituíntes que transcendan ao público tamén, (tal como o entende a lóxica de estado) con tantos intereses burocráticos sempre. Pensar o contrario e con tódalas desculpas, lévanos ao peor que temos do pensamento xudeu-cristiá… (e falo do pensamento imposto desde arriba malinterpretando sempre a figura de Xesús de Nazaret, un dos nosos, libertario e anti-imperialista mais magnificado e utilizado interesadamente como individuo). Refirome ao non se pode, non é posible, estades tolos, non, non e máis non.

Onde está a nosa raizame profundamente comunitaria e autoxerida a marxe de estruturas que ben se puideran entender hoxe como estatalistas? Temos moitos exemplos na nosa Cultura. Seguimos pensando en salvadores? Dise e non sen acerto que o socialismo sen autoxestión é como o capitalismo sen explotación… Seguimos pensando en que moldeen o barro por nós, ou en volver a moldealo colectivamente como tantas outras veces, e logo qué? Que xestionen os especialistas e volvamos a durmirnos esperando o colapso de brazos cruzados? Despois da loita qué?

Non son falsas profecías polo efecto da mezcalina… sabendo que os recursos son finitos e o sistema capitalista é autodestrutivo e arrastra á Humanidade e a Biodiversidade  a un burato sen retorno, ou decrecer, ou decrecer! Ou autonomías ou autonomías, entrelazando as nosas resistencias para golpear con forza pero exercendo dende xa as tantas propostas que son posibles en tódolos ámbitos da vida, a primeira (autonomía) sen a segunda (destrución deste sistema) volveranos a abocar ó fracaso, castelos no ar. Convócovos a visualizar neste momento as raíces dun castiñeiro centenario.

Algo así é o que entendo eu da Escuelita Zapatista

Aceptando o convite do EZLN para convivir durante uns días coas bases de apoio de un movemento que pretendeu e pretende asasinar o poder mediaticamente, economicamente e militarmente e tamén por unha esquerda institucional apoltronada e incapaz (salvo honrosas e curiosas excepcións que foron asumindo pinceladas evolutivas e, non falo de México porque aquí non hai por onde collela). É a vella estratexia da toma da cadeira do poder para facer cambios desde arriba mentres a Humanidade e a Nai Terra se desangran… Apostando polo estractivismo e asumindo a industrialización feroz e o desenvolvemento que ten lóxicas profundamente capitalistas. E non falemos da competitividade, esa palabra tan usada mesmo polo mellor da esquerda nos nosos lares.

Apenas dicir que o zapatismo comezou e ninguén o vai parar. Non sigue esa lóxica que causa tantas derrotas nas vosas filas, porén é indestrutible nese senso. É un movemento da xente, nunha nova sociedade que participa directamente da vida política, decidindo pois, con acertos e tamén con erros recoñecidos (por exemplo) abertamente nos libros escritos polos pobos zapatistas para a escuelita.

Dito isto, quen queira falar sobre Autonomía segundo o zapatismo que pregunte, responderemos na medida das nosas posibilidades como observadores, sabendo que o mellor é que preguntedes directamente nas Xuntas de Bo Goberno zapatistas. Moitos e moitas seguirán convertendo algo tan digno en un circo de gargalladas hipócritas, como esa bazofia chamada El País, pola nosa parte non pretendemos seguir escribindo crónicas innumerables como poñendo a nosa mirada eurocéntrica sobre estraños seres, facendo biografías interesadas, autoresaltando do que carecemos case sempre, moi interesantes esas xentes… pero que non vai con nós esa loita, ese conto, esa majaradería , que deixes xa o tema García…

Non compas, a mensaxe é outra, e sí que vai con nós. Loitan desde o local si, pero loitan pola Humanidade e contra o Neoliberalismo esta guerra global que padecemos, a cuarta guerra mundial. A lección que levo desta pequena escoliña é saber que si se pode, se cadra debemos preguntarnos si queremos. Dende as nosas realidades, xeitos, ritmos e visións do mundo. Aquí temos compañeiros e compañeiras dispostos e dispostas a derribar un sistema mundial. E non se cansan de tendernos pontes. Moitos xa están en marcha en todos lados, aínda que non se vexan, os que non estemos en marcha de xeito integral, non teremos perdón da Terra, antropocentrismo por biocentrismo compañeiros e compañeiras.

Está saíndo o sol por detrás das montañas, ule a café e o meu Votán (gardián) un rapaz tseltal de 19 anos indícame que o almorzo está sobre a mesa, os alimentos que comemos saben a liberdade, liberdade conquistada como todas, liberdade segundo os e as zapatistas, unha escola na vida (e pola vida) sempre para min.

Lek! O kolabal! moitas gracias por facer sentirme orgulloso de ser Humano (en evolución incesante), un ser de luz, ao voso carón irmáns neozapatistas, a canción que sona de fondo en bucle di: “porque esto ya comenzó y nadie lo va a parar…”

Saúde e que o barro ou lodo ou bulló non o moldee ninguén por nós para facer o Ser Humano novo, esa è a liberdade dicimos entre compas.

García.

Xaneiro de 2014, Chiapas, México.

 

 

posted by O GarcíaMarO García on 17

4ª Crónica. Brigada de Fuga Em Rede a Chiapas-México

9 de Xaneiro do 2008.

Seguimos vivindo e aprendendo nesta e desta parte do mundo. Algunhas de nós xa estamos moi perto da terra dos mil ríos, igualiño ca en Chiapas. Moita riqueza pero moita miseria, coma sempre, para os de abaixo. Moitos intereses do grande capital, igual ca en Galizia, igual ca no mundo todo.

O día dous, recén chegad+s do encontro de mulleres en La Garrucha e ante varias ameazas de desaloxo, catro das persoas ke conformamos o grupo (xa somos cinco) decidimos ir a un dos lugares en conflito: a Reserva Natural Autónoma Zapatista de Huitepec. Alí apoiamos coa  nosa  presenza  aos compas, polo ke puidese pasar. Finalmente ese día non sucedeu nada, seguramente pola  permanencia  dun  bo número de “internacionais”. Pero as ameazas de desaloxo das terras por parte do mal goberno seguen latentes.

Os compas resisten. Defenden a reserva e cóidana, é unha zona con grandes recursos e por iso os keren botar. Coca-Cola, por exemplo, quere apoderarse da auga nun deses cerros. Tamén hai pirámides sen explorar, tan atractivas para o negocio turístico, e polo tanto unha ameaza moi forte de privatización e destrucción da natureza.

Pois así foi, convivimos con eles e pasamos frío coma nunca. Os Altos de Chiapas son terribles!!! Ben se pode dicir por unanimidade ke a do 3 deste xaneiro foi a noite máis fría das nosas vidas. Fisicamente falando, claro. Eles, cun sorriso de orella a orella, transmitíannos a súa calor vital. E contábannos que ían resistir con todas as consecuencias.

Non vos falamos de insurxentes zapatistas armad+s, senón de Bases de Apoio civís. “Habemos dar a vida, se é preciso, porque este cerro coidárono os nosos avós mais primeiros. E ímolo defender ata as últimas consecuencias porque coa terra, coa nosa nai, non se fai negocio”.

 A estratexia do goberno de Mèxico é clara: guerra contra a autonomìa indìxena, desaloxo de miles de familias ke habitan “terras recuperadas”. Terras ke, triúnfo da revolución mexicana, se consideraron en man común e se repartiron como ejidos (*7). Na revolución de Villa e Zapata as consignas eran claras: terra e liberdade, la tierra es de kien la trabaja, e asì foi. Distribuíronse as terras entre os labradores explotados polos terratenentes.

Mais no ano 1992 reformouse o artigo 27 da Constitución, o ke dicìa ke a terra non estaba suxeita a compravenda. Levou a cabo esa reforma o P.R.I. (Partido Revolucionario Institucional), unhas siglas ke se mantiveron máis de setenta anos no poder chegando a gañar as eleccións no estado de Chiapas… co 110% –sic– dos votos.

O cambio constitucional ke permite vender e mercar a terra era parte da estratexia neoliberal e un dos rekisitos para ke, polo menos na teoría, México pasase a formar parte do chamado “Primeiro Mundo”. A República asinou entón o T.L.C.A.N. (*8) (verdadeira carta de defunción para miles de indíxenas e labregos de todo México) ke entrou en vigor o 1 de xaneiro de 1994.

Aínda ke por outra banda antes do 1992 o texto da constitución protexía a terra por medio dos sistemas ejidales, en Chiapas por exemplo, nunca chegara a ser asì. Miles de indíxenas vivían en réxime de escravitude coas terras controladas polos patróns; unha vez máis o indíxena era excluído e reducido á animalidade. Por iso se considerou o T.L.C. un tiro de graza para os pobos orixinarios de México.

O 1º de xaneiro do 94, o mesmo día en ke se formalizaba o tratado neoliberal, mentres se daba carta branca ás empresas multinacionais para culminaren o seu asalto á explotación dos recursos, o E.Z. recuperou as terras (250.000 hectáreas) das ke os terratenentes se apropiaran. Era a primeira medida dun alzamento armado en demanda de xustiza, liberdade e democracia para tod+s.

 Despois disto o E.Z.L.N. -xunto con representantes indíxenas de toda a República e un bo número de asesores- abriu un proceso de diálogo co goberno federal e cos representantes dos partidos políticos parlamentarios. Dese proceso saíron os Acordos de San Andrés (1996): o E.Z. comprometíase a non usar as armas; o Estado, pola súa parte, recoñecía o réxime de propiedade das terras en man común, as formas de goberno tradicionais, a lingua e a cultura indíxenas, etc.

Os acordos da primeira mesa de negociación finalmente se incumpriron. O E.Z. sentiuse traizoado polos tres partidos ke asinaran a negociación, especialmente o P.R.D. (*9) representante da eskerda institucional. A clase política fixo un lavado de cara ante a opinión pública mentres botaba ao lixo as demandas de dignidade que aprobara coa súa solemne sinatura. Chega a ruptura definitiva do diálogo. Como din akí, “pues ni modos”. O E.Z. leva unilateralmente a cabo, no 2003 o proceso de autonomía: “non precisamos permiso para ser libres”, din. E fundan os caracois, os centros de formación civil de saúde, de educación… e as Juntas de Buen Gobierno dentro de cada caracol.

O goberno federal non tolera iso e comeza unha guerra de baixa intensidade ke se cadra xa non é tal. Para entendernos, a cousa está moi fea. A estratexia do goberno mexicano (así o veñen denunciando as Juntas de Buen Gobierno e algúns colectivos de defensa de dereitos humanos) é acabar coa autonomía indíxena por medio de estratexias de terrorismo de Estado. Non só en territorio zapatista, senón en cada parte da xeografía mexicana ke se sume ás xustas demandas dende abaixo e a eskerda. Os ataques paramilitares en Chiapas recrudecéronse, especialmente neste último ano, con grupos moi sofisticados coma a OPPDIC (*10). Ninguén dubida de que se concibiron e se formaron nas estruturas do poder.

Moitas persoas e colectivos de todo o mundo asinaron a Sexta Declaración da Selva Lacandona. Cómpre agora solidarizármonos cos zapatistas contra esta grave escalada de violencia no territorio indíxena chiapaneco. Como xa escoitamos o outro día en palabras do Subcomandante Insurxente Marcos: “La guerra, como el miedo, también tiene olor. Y ahora se empieza ya a respirar su fétido olor en nuestras tierras…” .

 Serxio Regos “O García”

Esta serie de crónicas foi publicada na Revista Das Letras do xornal diario Galicia Hoxe:

http://www.galiciahoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=55&idNoticia=631727

Ligazóns referentes a esta Crónica:

(Achegamos información máis polo miudo das agresións concretas e de como estába a situación nese momento)

http://www.jornada.unam.mx/2008/01/06/index.php?section=politica&article=008n1pol

http://www.jornada.unam.mx/2008/01/02/index.php?section=politica&article=009n1pol

http://www.jornada.unam.mx/2007/12/31/index.php?section=politica&article=016a1pol

http://www.jornada.unam.mx/2007/12/24/index.php?section=mundo&article=026a1mun

Glosario:

*7: Espazos territoriais xestionados en mancomún  nos ke ademais calkera decisión sobre a terra se toma por unanimidade.

*8:Tratado de Libre Comercio de América do Norte, verdadeira carta de defunción para miles de indíxenas e labregos de todo México.

*9: Partido de la Revolución Democrática.

*10: Organización para la Defensa de los Derechos Indígenas y Campesinos, detras destas “amables” siglas agochase unha organización paramilitar apoiada, armada e formada polas esferas do poder político, militar e económico.

posted by O GarcíaMarO García on 16

3ª Crónica. Brigada de Fuga Em Rede a Chiapas-México 07-08   

5 de Xaneiro do 2008.

Despois da estancia pola Zona Norte do territorio rebelde despedímonos dos compas e partimos cara Ocosingo, a poboación dende a ke se toma redila para o Caracol III. O Caracol III sitúase na zona selva tzeltal.

O día 28 chegamos e rexistrámonos como medios de comunicación independentes e como oíntes do III Encuentro de los pueblos zapatistas con los pueblos del mundo – La Comandanta Ramona y las zapatistas.

A afluencia de xente foi espectacular (unhas 5000 persoas). O encontro transcorreu entre plenarias, saúdos e abrazos entre coñecid+s e descoñecid+s ke xa non o son. As plenarias das mulleres (e algunha ke outra nena zapatista) abordaron temas como as formas autónomas de saúde e educación. Antes de 1994 as nenas de Chiapas apenas asistían á escola e as ke o facían eran humilladas como indíxenas e “educadas” sen ter en conta a lingua e a cultura dos diferentes pobos ke habitan estas terras. “Nosoutras unímonos para nos gobernar, educar e coidar; ahorita, na escoliña autónoma trabállanse valores coma a igualdade, a liberdade e que sexamos respectadas como persoas e non discriminadas”, dinos en castilla unha promotora de educación zapatista, moi noviña, por certo. “Na escuelita autónoma tamén se xoga e mais hai diversión, na escuelita do mal goberno pegábannos e burlábanse de nosoutras por sermos indíxenas. Xa temos a nosa forma de educación acorde cos nosos pobos e grazas ao EZ”, conclúe. E arremete outra das mulleres zapatistas: “O que queremos é non volver á humillación, ao desprezo e ao esquecemento”.

No encontro vivíronse momentos moi emotivos. As compas están a acadar cotas moi importantes de participación en tódolos ámbitos e as cousas melloraron moitísimo para elas. Falaron as mais maiores de como antes do alzamento zapatista (1994) as mulleres indíxenas non eran tomadas en conta nin sekera na propia familia: non coñecían os seus dereitos, eran aldraxadas polos finqueros e vendidas coma se fosen gando.

Hoxe as mulleres e as nenas zapatistas están xunto cos compas á fronte da autonomía indíxena no surleste mexicano. “Falta moito”, din elas, pero xa hai un gran número de promotoras nas áreas de educación, saúde, información… Tamén son partícipes dos cargos rotativos dos gobernos autónomos.

“Facemos isto en conciencia e non por un soldo”, advertiu unha das zapatistas ke representaba un dos caracois. Os relatorios eran realizados por mulleres elixidas de cada un dos municipios rebeldes. Así foron pasando, caracol por caracol (zona por zona), para explicar como se organizan, como levan a cabo os labores neste novo mundo que integran as comunidades formadas por bases de apoio zapatistas. É abraiante o nivel organizativo que mostran, por poñer un exemplo, na producción por medio de cooperativas.

Tamén se recordou moito a Comandanta Ramona, unha muller que consagrou a vida a camiñar aldeas chiapanecas (comunidades) falando coas mulleres sobre a toma de conciencia e a emancipación da muller indíxena, triplemente explotada por pobre, por muller e por indíxena.

Ademais das zapatistas, o último día do encontro tomaron a palabra outras mulleres do mundo. Hai ke resaltar a presenza da Vía Campesina con representación da Confederación Nacional de Mujeres Campesinas da República Dominicana, do M.S.T. do Brazil, de organizacións campesiñas das vías de Guatemala, Francia, Korea… só por nomear algunhas. Estiveron ademais presentes as mulleres do Frente de Pueblos en Defensa de la Tierra de Atenco, o Sector Mujeres de la Sexta do D.F., traballadoras de makilas (factorías) da Baixa California Sur, todas elas mexicanas. Ante tal multitude o corazón sobrecóllese.

E mentres os compas eran os encargados de facer todas as tarefas relacionadas co labor doméstico (limpeza, comidas, etc.), as compas tomaban a palabra ante un auditorio rebordante. Desta vez os compas non se inmisciron no espazo dos relatorios e mantivéronse sempre escoitando co máximo respecto dende as ultimas ringleiras, xa pola parte de fóra.

E así foi transcorrendo o encontro. Ao chegar a fin de ano conmemorouse o alzamento zapatista, recordando +s caídos zapatistas que combateron no 94 por un México -un mundo- máis xusto e máis libre. Despois, a bailar ata o mencer. Algúns danzamos c+s compas xamáns ao redor do lume, cantamos á nai terra e pedímoslle perdón por todo o mal cometido. E tod+s bailamos e nos abrazamos en colectividade nese torrente de enerxía ke foi o xa ineskecible, 1 de xaneiro, do 2008.

Serxio Regos “O García”

Esta serie de crónicas foi publicada na Revista Das Letras do xornal diario Galicia Hoxe:

http://www.galiciahoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=55&idNoticia=631727

Ligazóns referentes a esta Crónica:

http://zeztainternazional.ezln.org.mx/

http://www.jornada.unam.mx/2006/01/07/index.php?section=politica&article=005n2pol

posted by O GarcíaMarO García on 16

2ª Crónica Brigada de Fuga Em Rede a Chiapas-México 07-08

 30 de decembro do 2007.

Foi moi interesante asistir ao Coloquio Internacional In Memoriam Andrés Aubry. Ineskecible. O último día do coloquio estivemos as catro persoas que conformamos este “grupo de apoio e intercambio” que viaxamos ao México insurxente. Foi moi emotivo.

Chamounos especialmente a atención a cerimonia indíxena Lakota que realizou o fillo de Leonard Peltier, o que probablemente sexa, xunto con Mumia Abu Jamal, un dos presos políticos máis coñecidos da historia represiva dos EEUU.

Ese último día do coloquio tamén estivo presente a representación do Comité Clandestino Revolucionario Indíxena – Comandancia Xeral do EZLN da zona de Los Altos de Chiapas. O Comandante David (indíxena Tzotzil) foi o encargado de entregar o Liberationis Conatus Causa ao falecido Andrés Aubry, historiador, investigador xunto aos pobos mayas, crítico coa clase académica dominante e impulsor, entre moitos outros proxectos, da Universidade da Terra (na que se celebraba o evento).

Quen non estivo ese día foi o Subcomandante Insurxente Marcos. O día anterior explicounos que se retira da presenza pública indefinidamente: nin entrevistas, nin participación en encontros; suspensión (tamén por tempo indefinido) do seu labor como Delegado 0 (*1) da Comisión Sexta (*2) do EZLN. Recordou que el era o máximo responsable militar do EZLN, que o EZ segue sendo un exército “moi outro”, pero un exército. E que nestes catorce anos nos cales o EZLN non respostou nin con un só disparo ás agresións, o goberno estivo preparando unha acometida mentres finxía retirar tropas regulares da armada mexicana substituíndoas por forzas especiais, formadas pola Escola das Américas. Esa “escola” gringa é coñecida por estratexias de contrainsurxencia que inclúe, entre outras cousas, a implantación do paramilitarismo naquelas poboacións onde se detecta presenza de familias zapatistas. E por medio do paramilitarismo, sen o goberno ensuciar as mans, levan a cabo desaloxos de familias que viven en terras recuperadas polo EZLN ou polas propias BAZ (Bases de Apoio Zapatistas). Ou sexa, desaloxan a poboación civil zapatista.

O noso percorrido continúa. Unha persoa do grupo queda en San Cristóbal, viaxa a Ocosingo, a Palenque e, finalmente, asiste ao V Caracol. As tres persoas restantes emprenden ruta participando nas brigadas BOTT (Brigadas de Observación Terra e Territorio) organizadas polo CAPISE (*3) e as Juntas de Buen Gobierno(*4).

Fomos logo entevistarnos co CAPISE para nos sumar ás Brigadas BOTT. As Brigadas son un encargo de La Otra Campaña (*5) ao seu paso por San Cristóbal. Visitan comunidades dos caracoles (*6) Roberto Barrios, La Garrucha e Morelia co obxecto de tomar testemuño das agresións armadas que sofren con especial atención precisamente nestes tres caracois (dos cinco existentes) porque son os que contan con comunidades e terras enteiras ou parcialmente recuperadas.

Tierra Adentro, local socio-cultural que dá espazo, entre outras iniciativas (cooperativas de artesanía de mulleres, libraría, cafetería…) á oficina do CAPISE, foi o lugar onde se preparou a participación nas brigadas. Un aval asinado por un colectivo, a entrevista persoal e formación de tres horas son requisitos necesarios para formar parte dunha brigada. No proceso, ademais do coñecemento do zapatismo e, concretamente, das cuestións relativas á terra (modalidades de división, procesos de legalización dos terreos, estratexias gobernamentais para o “despoxo legal”…), fíxose fincapé no comportamento dentro das comunidades, no caracol ou na relación coa Xunta de Bo Goberno. Aí é onde toma sentido o aval, pois o colectivo que avala responsabilízase de calquera repercusión das accións individuais.

Tres horas despois a BOTT número 30 partía para Palenque, unha das cidades cabeceiras do estado de Chiapas, ben coñecida do turismo internacional pola súa riqueza arqueolóxica. Nos arredores do mercado municipal, centro neurálxico da cidade, procuramos transporte cara ao caracol. A redila zapatista pasounos por diante entre o descontrolado ir e vir de camionetas. Non queda opción, subimos na do “inimigo” e namais chegar ao cruce de entrada e saída da cidade, a forza militar detén o carro priísta *. O discurso é unánime: “imos turistear”. Parchean unha das nosas mochilas e permítennos seguir adiante.

Sobrecollid*s pola exuberancia da paisaxe, viaxamos por unha serra de vexetación tupida. Atopámonos coa primeira grande brecha aberta polo poder: as obras dunha estrada ecoturística de dobre carril que divide montañas, mesmo a vida do caracol e algunhas comunidades ao seu paso. Este tipo de proxectos, expresión máxima do capitalismo feroz, estraga brutalmente a selva virxe. Como en Galizia, déixase de traballar a terra ao xeito tradicional para pasar a traballar no camiño do “progreso” que a destrúe. O que nós empezamos a perder hai un tempo, o contacto coa terra, está sendo defendido aqui, hoxe, en Chiapas, con uñas e dentes. Estase a camiñar en contra do tempo occidental, en contra da aceleración vertixinosa do tempo do Capital que todo devasta. Sí, o tempo indíxena, un tempo que se ergue co sol e se deita coa lúa, é o seu claro antagonista.

Serxio Regos “O García” *

* Este traballo foi realizado coa colaboración de Sandra Garrido nun extracto da primeira e segunda cronicas e de Estíbaliz Táboas nun extracto da segunda crónica. Tódalas crónicas se fixeron desde e para o Colectivo Galego de Acción Global Fuga Em Rede.

Esta serie de crónicas foi publicada na Revista Das Letras do xornal diario Galicia Hoxe:

http://www.galiciahoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=55&idNoticia=631727

Ligazóns referentes a esta Crónica:

http://www.coloquiointernacionalandresaubry.org/aubry.html

http://www.coloquiointernacionalandresaubry.org/videos.html

http://enlacezapatista.ezln.org.mx/2007/12/17/parte-vii-y-ultima-sentir-el-rojo-el-calendario-y-la-geografia-de-la-guerra/

http://www.capise.org.mx/node/30

Glosario:

*1: Alcume do Subcomandante Marcos para os traballos da Outra Campaña.

*2: Comisión nomeada polo Comité Clandestino Revolucionario Indíxena-Comandancia Xeral do EZLN para os traballos da Sexta Declaración da Selva Lacandona en México.

*3: Centro de Análise Política e Investigacións Sociais e Económicas.

*4: Órganos de goberno orizontais, civís e autónomos en territorio rebelde zapatista. Son rexidas por medio de cargos rotativos.

*5: Proceso político a marxe dos partidos políticos ke acoden as elección mexicanas, xorde da Sexta Declaración da Selva Lacandona do EZLN e plantexa outro xeito de facer política dende abaixo e a eskerda. Propón un Plan Nacional de Loita e unha nova constitución entre outras cuestións.

*6: Lugares onde se sitúan as sedes de autogoberno (Xuntas de Bo Goberno) repartidas en 5 zonas do territorio autónomo zapatista. Son ademais centros de encontro cultural e político e de formación en saúde, educación etc.

posted by O GarcíaFebO García on 8

1ª Crónica Brigada de Fuga Em Rede a Chiapas-México 07-08

18 de Decembro do 2007.

Akí estamos, nas montañas do surleste mexicano.

Saímos de Compostela o día 12 deste decembro, “fugámonos” para seguir tecendo rede e por suposto para voltar… o traballo previo foi un tanto frenético. Claro está, as viaxes comezan antes de viaxar. Falemos da climatoloxía: frío facer facía esa mañá ke saímos de Compostela, pero non máis ke en Madrid. Alí divídese o grupo. De momento somos dúas persoas, unha para Coslada e a outra para Cuatro Caminos.

Coslada: Visita a ASPIMIP, un centro de persoas con “discapacidades” onde ademais de visitar a bos e boas amigas, vemos eses mundos diferentes ke o poder establecido pretende apartar só por iso, pola diferenza. A loita contra a exclusión social é un  ámbito ao ke se lle dá moita importancia tamén no C.S.A. A Casa Encantada (espazo ke compartimos a maior parte desta Brigada). E dende moitas frontes: xurídica, feminista, apoio a persoas presas, medios de comunicación libres… pero non nos desviemos do tema ke apenas comezamos.

Cuatro Caminos: Á saída da parada do metro alí estaba Míguel, compa do propio Madrid ke coñecemos noutra viaxe por México -en Roberto Barrios, no V Caracol, Chiapas-. Alí o coñecemos. Ken o diría, ímonos reatopar xusto antes de partir para o México insurxente de novo. Con el a visita foi a “..La Juli..” unha casa okupada ke os compas rehabilitan con moito esforzo para salvala do eskecemento e das mafias ke especulan. Así “..La Juli..” foi devolta á vida, moita xente coñecida de diversos colectivos dálle agora calor como vivenda.

Pois esa mesma noite reatopámonos e á mañá seguinte (o 13) definitivamente partimos alén mar. Finalmente, logo de 11 horas de viaxe, chegamos a Cancún e non pasamos nin unha soa hora alí. Sen perder tempo mercamos o boleto para a antiga capital de Chiapas, San Cristóbal de las Casas, cidade colonial na ke fai 14 anos (xunto con outras cabeceiras municipais) irromperon contra a soberbia miles de indíxenas: homes, mulleres e adolescentes ke chamaron a atención do mundo co xa famoso “XA BASTA!”. Basta de 500 anos de explotación sufrida polos pobos orixinarios deste lado do mundo. Non eskezamos ke o movemento neozapatista inaugurou así unha loita anticapitalista ke foi definida por algúns como o principio do proceso antiglobalización. Como  moit+s de vós saberedes, o día ke o EZLN se ergueu  en armas foi xusto o día no  ke o  goberno mexicano  asinaba un tratado de libre comercio  co goberno de EEUU e Canadá, asinando así tamén a sentenza de morte de pobos orixinarios enteiros.

Dende ese momento chamou a atención e incluso reactivou moitos procesos de loita. Na Europa foi un revulsivo. Potenciou a solidariedade internacional e sobre todo foi moi esperanzador por abrir unha nova forma de entender a loita pola xustiza e pola liberdade, pola dignidade, lonxe de vellos modelos. Por exemplo: a súa posición respecto á “toma da silla do poder”.

Por ke facer memoria? Porke o movemento zapatista séntese hoxe un tanto abandonado polos ke se supón ke somos os seus e as suas compañeiras. Akí estase a vivir unha guerra de exterminio declarada por parte dos gobernos federal, estatal e municipais, en moitos casos facéndose chamar “gobernos de eskerda” e todo este proceso represivo faise por medio de estratexias sucias das ke falaremos máis adiante.
Dende estas terras nós cremos ke lle debemos moito a esta loita e aos procesos ke abriu a nivel global. Agora estano pasando mal, ogallá as ke nos facemos chamar compas, coas nosas dignas loitas polo mundo adiante, pois reaccionemos e denunciemos o máximo posible a grave situación ke akí se esta vivindo. Ogallá o zapatismo non sexa unha moda pasada, ogallá o zapatismo non volte ser noticia por verse na obriga de usar as armas. Ogallá os consideremos compas e non un obxecto mitolóxico de librería.

Voltemos á narración da viaxe. De Cancún a San Cristóbal levounos como dazaoito horas de bus. Despois das once de avión foi moi esgotador. Paráronnos nun do moitos retenes militares do exército federal e rexistráronnos, metralleta en man… Seguimos camiño sen máis incidente.

E akí estamos, en San Cristóbal. Levamos dende o sábado asistíndo ó Coloquio Internacional In Memoriam Andrés Aubry e o certo é ke esta experiencia ke non tiñamos na axenda está sendo especialmente interesante para nós, pero eso xa o contaremos noutro momento…

Serxio Regos “O García” *

* Este traballo foi realizado coa colaboración de Sandra Garrido nun extracto da primeira e segunda cronicas e de Estíbaliz Táboas nun extracto da segunda crónica. Tódalas crónicas se fixeron desde e para o Colectivo Galego de Acción Global Fuga Em Rede.

Esta serie de crónicas foi publicada na Revista Das Letras do xornal diario Galicia Hoxe:

http://www.galiciahoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=55&idNoticia=631727

Ligazóns referentes a esta Crónica:

http://www.coloquiointernacionalandresaubry.org/images/invitacion_coloquio.jpg

http://www.coloquiointernacionalandresaubry.org/acervo.html

Theme Design by Deeogee. Key West Kayaking Sedona Scenic Drives South Beach Galleries