Archive for Outubro, 2014

posted by O GarcíaOutO García on 13

CIMG4309

 

12 De Outubro de 2014.

MANIFESTO DE REAFIRMACIÓN E DIGNIDADE COA RESISTENCIA INDÍXENA E A AUTONOMÍA REBELDE ZAPATISTA. A 522 anos do inicio da invasión, saqueo e xenocidio en América e no ano 20 do inicio da guerra contra o esquecemento, manifestamos:

Mentres a hipocrisía celebra a infamia do primeiro chanzo da conquista de América nesta data sinalada como o día da hispanidade, nós denunciamos o xenocidio máis grande da historia, onde só nos primeiros 50 anos de colonización calculase que perderon a vida setenta millóns de persoas dos oitenta millóns existentes no ano 1500. Perdas humanas perpetradas polos conquistadores que tiveron como causas o homicidio directo con matanzas como a de Caonao en Cuba narradas por Fray Bartolomé naquel momento capelán militar e levada a cabo pola tropa de Narváez. Ou os despezamentos de Vasco Núñez de Balboa e entrega á voracidade dos seus cans, ou as mulleres aforcadas xunta seus fillos en Yucatán contado polo bispo Diego de Landa. As causas do xenocidio foron tamén as enfermidades transmitidas polos colonizadores españois, os malos tratos con durísimas condicións de traballo nas minas, ou a construción de grandes templos para a igrexa en réxime de escravitude.

Chegarían tamén varios séculos de destrución de templos, de libros e símbolos relixiosos pre-hispánicos, de criminalización cultural e lingüística, de imposición. Nunha conquista motivada pola febre do ouro e tomada como unha autentica cruzada relixiosa máis logo da reconquista de Granada.

Déronse dende os primeiros momentos da conquista innumerables resistencias indíxenas dende fai 522 anos, dende fai 300 anos, dende fai 100 anos, dende fai 20 anos, dende hoxe mesmo. Así o aprendemos dos nosos irmáns e irmás rebeldes Maias de Chiapas un primeiro de Xaneiro de 1994. Así o seguimos aprendendo agora con todo o Congreso Nacional Indíxena de México, con Atenco, coa Tribo Yaqui, co Pobo Mapuche e tódolos pobos, tribos e nacións indíxenas de América que resisten. Así o aprendemos cunha dor insoportable cos estudantes normalistas masacrados e desaparecidos en Ayotzinapa-Guerrero fai uns días nunha operación de Narco-estado no que se converteu o México de arriba, repetíndose outro Tlatelolco, outro Acteal. Esiximos a aparición con vida dos desaparecidos forzados! Xa basta!

E volvemos a berrar dende este humilde recuncho esixindo a liberación dos gardiáns loitadores que protexen a auga como seu propio sangue e a terra como a súa propia nai, que miran ós seus fillos como esa milpa que xurde ano tras ano. Por ter ollos de futuro, non están transitando os camiños deste mundo libremente e levan posto uniforme de presos.

Reafirmamos solidariamente tanta luz recibida pola digna autonomía zapatista, como exemplo do máis noble para a Humanidade. Vivan as Comunidades autónomas rebeldes zapatistas! Viva a saúde autónoma zapatista! Viva a educación autónoma zapatista! Vivan os 5 Caracois! Todos somos Galeano.

Alto á guerra neoliberal de conquista con novas roupas! Proseguindo a explotación, o despoxo, o desprezo e a represión cara os lexítimos gardiáns da terra e dos territorios. Alzamos a nosa voz firme, e de apoio mutuo dende a nosa Nai Terra, dende esta parte do mundo que chamamos Galiza, NON ESTÁN SOS NIN SOAS, NON ESTAMOS SOS NIN SOAS!

12 de Outubro de 2014, nada que festexar e moito que construír autonomamente, onde eles destrúen.

Compostela, Galiza, a outra Europa.

Fuga Em Rede (Colectivo Galego de Acción Global).

CIMG4294

Theme Design by Deeogee. Key West Kayaking Sedona Scenic Drives South Beach Galleries