Archive for Abril, 2014

posted by O GarcíaAbrO García on 18

CRÓNICA APRESURADA DE UN CONCERTO NO PATIO DA PRISIÓN, San Cristóbal de las Casas, Chiapas, México.

 

Sí, sí, caixón, dúas guitarras, acordeón e o contrabaixo tamén puido pasar si. Visitamos ao preso organizado Alejandro Díaz Santis, un indíxena tzotzil que leva 14 anos e 8 meses en prisión, agora xa pode falar algo de castilla, cando o condenaron non puido defenderse, as persoas indíxenas en México sofren case sempre xuízos ateigados de irregularidades, sen interpretes, ou con interpretes en outras linguas orixinarias ás do acusado como é o caso, sen garantías xurídicas na defensa.  Ser indíxena e non ter cartos o que si garante é que non se respecten os dereitos nun estado tremendamente abusivo cos pobos orixinarios. Tódolos seus compañeiros do colectivo de presos “Solidarios La Voz del Amate” xa lograron a súa liberdade, o último foi Alberto Patishtán, saíron froito da loita incesante dentro e fora da prisión, todos eles son adherentes a Sexta Declaración da Selva Lacandona do EZLN.

 

Aínda que pareza surrealista conseguimos meter tódolos instrumentos  que vos dicía na prisión pasando tódolos controis, recibíronnos os compas e situámonos no patio da prisión a banda de músicos franceses e un mexicano, un alemán, outra mexicana e máis eu. E a música comezou a soar da man destes tolos con moita actitude e un aire aos primeiros Mano Negra, comezaron a chegar máis e máis presos (ao principio con miradas de alucine) e nun momento dado fun reclamado para lanzar proclamas en forma de Rap, acordamos un par de acordes e velocidade rítmica en apenas 20 segundos e voilá a palabra xa estaba na miña man e lanzáronse as líricas rebeldes coas respectivas proclamas anticarcerarias ou en favor da liberdade e a xustiza, falando de que no mundo que anhelamos non existen as prisións.

 

Ao pouco dirixímonos a un espazo cunha mesa e unhas cadeiras onde Alejandro comezou a narrarnos a súa situación e a de tantos outros presos que non cometeron os delitos que se lles imputaron. Ou que non tiveron as garantías necesarias nos seus xuízos. Falamos de moitas cousas… por exemplo do imposible acceso á saúde si non tes recursos económicos, das mortes baixo custodia… falounos do frío que pasan… e foi como sempre, impactante estar alí dentro e ver  quen padece a prisión: os excluídos sociais de sempre. Vimos o acinamento e que algúns presos dormen no chan. E percibimos unha inmensa alegría co balón de osixeno que supoñen as visitas para estes compas presos. Faleille bastante tamén a Alejandro da inxusta realidade na nosa terra e dos nosos presos políticos e en definitiva de un sistema carcerario profundamente inxusto no estado español. Cuestionando de base o control e o castigo desproporcionado como ferramenta de superación ou reparación de conflitos, non resoltos, coas súas raíces case sempre en lóxicas de clase(s) social.

 

Soaban os chifres dos gardas sen parar indicando o horario do remate da visita e ninguén se movía. Diciámoslles e diciámonos non estamos sos, apertas poderosísimas, apertóns de mans tremendamente humanos, palabras e miradas lindas, liberdade polos catro costados nese intre, e volveu a soar a música á saída de xeito espontáneo e absolutamente rebelde, entre chifres e unha megafonía que todos ignoramos por completo. Nos primeiros acordes fomos rodeados pola maior parte dos presos xa preto da saída e esbourou todo! O baile, as risas, a emoción desbordante, os berros de “el rap también!” e os chistes, como: “quédense diez años más compas!” entre gargalladas, soaba unha canción tras outra, sen que abriran o circulo, o baile dos ninguneados non cesaba, os berros de tribo primeira non paraban.

 

Antes de irnos Alejandro agasallounos con unha artesanía a cada un das que fan eles, nun símbolo de dignidade de non dubidar en desprenderse de algo que simboliza algo tan humano como indescritible.

 

Sentímonos todos tan libres neses minutos de euforia colectiva que semellaba que non había muros, por un intre só.

 

Liberdade, liberdade, liberdade!

 

Serxio Regos “García” (Fuga Em Rede). Chiapas, México, 2014.

 

O nome do grupo é Dale Mure.

Theme Design by Deeogee. Key West Kayaking Sedona Scenic Drives South Beach Galleries