posted by O GarcíaMarO García on 3

Atópome na cañada ao pé de cerros mestos de selva e nubes na Comunidade de Champa pertencente ao Municipio Autónomo Rebelde Zapatista (MAREZ) que leva por nomeLibertad de los Pueblos Mayas. Toda esta Zona de Selva Fronteiriza consta de tres MAREZ è rexida en grande medida por formas de goberno autónomas, a nivel local, municipal e como vos digo de zona. Existen 5 zonas autónomas zapatistas, esta na que estou è xestionada polo goberno popular, non partidista, participativo e con independencia do estado denominada La Realidad.

Chopol Ajgualil quere dicir Mal Goberno en lingua Tseltal, Lekil Ajgualil quere dicir Bon Goberno, ou sexa o da xente, o que manda obedecendo baixo sete principios neozapatistas, o primeiro deles è Servir e non Servirse. Vagalume ou lucecú dise mutzit. E os nosos compas indíxenas rebeldes (parafraseando un texto de Don Eduardo Galeano) son un Mar de Fueguitos.  “Algunos fuegos, fuegos bobos, no alumbran ni queman; pero otros arden la vida con tantas ganas que no se puede mirarlos sin parpadear, y quien se acerca, se enciende.” Velaquí un exemplo para a Humanidade, ollo, non acabado, din por aquí, a loita é como un circulo nunca remata, e ollo, non se fala da perfección (e aí entra en xogo tamén as lentes coas que se mire), pero van dando os pasos e que pasos, que dignos pasos, alumean como fachón para fecundar a terra de noite.

Transformar as relacións sociais, poñer en marcha dende xa, mais de vagariño, o exercicio dos poderes populares, sen paternalismos desactivadores e desarticuladores dos movementos sociais máis radicais. Fálase aquí de autodeterminación, de independencia, de autonomía dun xeito integral, das institucións dos movementos, de que quén teña cargo, calquera que sexa non poda decidir unilateralmente.

Non podemos deixar as nosas vidas en mans de ninguén, por xenial que sexa, non podemos seguir apostándolle a estruturas verticais de partido guía coa razón absoluta porque hai xente aí que estudou moito, xerando unha separación insuperable polo resto dos mortais, falo do vangardismo iluminador, ou aspirar a ser partido-estado.

Sabemos que pode xerar falta de liberdade, ou o que é o mesmo que decidan por un/unha. Claro que pode soar xenial a tentación de gañar unhas eleccións e cambiar as cousas desde arriba, pero sabemos por experiencia histórica que fracasará (si só se trata deso), pois querémolo todo, toda a liberdade dende agora, sen medias tintas, correspóndenos a nós exercela sen permiso. Cómpre cuestionar a figura do estado tamén, obviamente o alleo, mais tamén o propio que se pretende non solucionará tódolos padecementos de abaixo, penso que non è preciso poñer os exemplos aínda con tódolos logros que se teñen dado nese senso.

Espazos constituíntes que transcendan ao público tamén, (tal como o entende a lóxica de estado) con tantos intereses burocráticos sempre. Pensar o contrario e con tódalas desculpas, lévanos ao peor que temos do pensamento xudeu-cristiá… (e falo do pensamento imposto desde arriba malinterpretando sempre a figura de Xesús de Nazaret, un dos nosos, libertario e anti-imperialista mais magnificado e utilizado interesadamente como individuo). Refirome ao non se pode, non é posible, estades tolos, non, non e máis non.

Onde está a nosa raizame profundamente comunitaria e autoxerida a marxe de estruturas que ben se puideran entender hoxe como estatalistas? Temos moitos exemplos na nosa Cultura. Seguimos pensando en salvadores? Dise e non sen acerto que o socialismo sen autoxestión é como o capitalismo sen explotación… Seguimos pensando en que moldeen o barro por nós, ou en volver a moldealo colectivamente como tantas outras veces, e logo qué? Que xestionen os especialistas e volvamos a durmirnos esperando o colapso de brazos cruzados? Despois da loita qué?

Non son falsas profecías polo efecto da mezcalina… sabendo que os recursos son finitos e o sistema capitalista é autodestrutivo e arrastra á Humanidade e a Biodiversidade  a un burato sen retorno, ou decrecer, ou decrecer! Ou autonomías ou autonomías, entrelazando as nosas resistencias para golpear con forza pero exercendo dende xa as tantas propostas que son posibles en tódolos ámbitos da vida, a primeira (autonomía) sen a segunda (destrución deste sistema) volveranos a abocar ó fracaso, castelos no ar. Convócovos a visualizar neste momento as raíces dun castiñeiro centenario.

Algo así é o que entendo eu da Escuelita Zapatista

Aceptando o convite do EZLN para convivir durante uns días coas bases de apoio de un movemento que pretendeu e pretende asasinar o poder mediaticamente, economicamente e militarmente e tamén por unha esquerda institucional apoltronada e incapaz (salvo honrosas e curiosas excepcións que foron asumindo pinceladas evolutivas e, non falo de México porque aquí non hai por onde collela). É a vella estratexia da toma da cadeira do poder para facer cambios desde arriba mentres a Humanidade e a Nai Terra se desangran… Apostando polo estractivismo e asumindo a industrialización feroz e o desenvolvemento que ten lóxicas profundamente capitalistas. E non falemos da competitividade, esa palabra tan usada mesmo polo mellor da esquerda nos nosos lares.

Apenas dicir que o zapatismo comezou e ninguén o vai parar. Non sigue esa lóxica que causa tantas derrotas nas vosas filas, porén é indestrutible nese senso. É un movemento da xente, nunha nova sociedade que participa directamente da vida política, decidindo pois, con acertos e tamén con erros recoñecidos (por exemplo) abertamente nos libros escritos polos pobos zapatistas para a escuelita.

Dito isto, quen queira falar sobre Autonomía segundo o zapatismo que pregunte, responderemos na medida das nosas posibilidades como observadores, sabendo que o mellor é que preguntedes directamente nas Xuntas de Bo Goberno zapatistas. Moitos e moitas seguirán convertendo algo tan digno en un circo de gargalladas hipócritas, como esa bazofia chamada El País, pola nosa parte non pretendemos seguir escribindo crónicas innumerables como poñendo a nosa mirada eurocéntrica sobre estraños seres, facendo biografías interesadas, autoresaltando do que carecemos case sempre, moi interesantes esas xentes… pero que non vai con nós esa loita, ese conto, esa majaradería , que deixes xa o tema García…

Non compas, a mensaxe é outra, e sí que vai con nós. Loitan desde o local si, pero loitan pola Humanidade e contra o Neoliberalismo esta guerra global que padecemos, a cuarta guerra mundial. A lección que levo desta pequena escoliña é saber que si se pode, se cadra debemos preguntarnos si queremos. Dende as nosas realidades, xeitos, ritmos e visións do mundo. Aquí temos compañeiros e compañeiras dispostos e dispostas a derribar un sistema mundial. E non se cansan de tendernos pontes. Moitos xa están en marcha en todos lados, aínda que non se vexan, os que non estemos en marcha de xeito integral, non teremos perdón da Terra, antropocentrismo por biocentrismo compañeiros e compañeiras.

Está saíndo o sol por detrás das montañas, ule a café e o meu Votán (gardián) un rapaz tseltal de 19 anos indícame que o almorzo está sobre a mesa, os alimentos que comemos saben a liberdade, liberdade conquistada como todas, liberdade segundo os e as zapatistas, unha escola na vida (e pola vida) sempre para min.

Lek! O kolabal! moitas gracias por facer sentirme orgulloso de ser Humano (en evolución incesante), un ser de luz, ao voso carón irmáns neozapatistas, a canción que sona de fondo en bucle di: “porque esto ya comenzó y nadie lo va a parar…”

Saúde e que o barro ou lodo ou bulló non o moldee ninguén por nós para facer o Ser Humano novo, esa è a liberdade dicimos entre compas.

García.

Xaneiro de 2014, Chiapas, México.

 

 

Os comentarios están pechados.

Theme Design by Deeogee. Key West Kayaking Sedona Scenic Drives South Beach Galleries