posted by O GarcíaMarO García on 16

2ª Crónica Brigada de Fuga Em Rede a Chiapas-México 07-08

 30 de decembro do 2007.

Foi moi interesante asistir ao Coloquio Internacional In Memoriam Andrés Aubry. Ineskecible. O último día do coloquio estivemos as catro persoas que conformamos este “grupo de apoio e intercambio” que viaxamos ao México insurxente. Foi moi emotivo.

Chamounos especialmente a atención a cerimonia indíxena Lakota que realizou o fillo de Leonard Peltier, o que probablemente sexa, xunto con Mumia Abu Jamal, un dos presos políticos máis coñecidos da historia represiva dos EEUU.

Ese último día do coloquio tamén estivo presente a representación do Comité Clandestino Revolucionario Indíxena – Comandancia Xeral do EZLN da zona de Los Altos de Chiapas. O Comandante David (indíxena Tzotzil) foi o encargado de entregar o Liberationis Conatus Causa ao falecido Andrés Aubry, historiador, investigador xunto aos pobos mayas, crítico coa clase académica dominante e impulsor, entre moitos outros proxectos, da Universidade da Terra (na que se celebraba o evento).

Quen non estivo ese día foi o Subcomandante Insurxente Marcos. O día anterior explicounos que se retira da presenza pública indefinidamente: nin entrevistas, nin participación en encontros; suspensión (tamén por tempo indefinido) do seu labor como Delegado 0 (*1) da Comisión Sexta (*2) do EZLN. Recordou que el era o máximo responsable militar do EZLN, que o EZ segue sendo un exército “moi outro”, pero un exército. E que nestes catorce anos nos cales o EZLN non respostou nin con un só disparo ás agresións, o goberno estivo preparando unha acometida mentres finxía retirar tropas regulares da armada mexicana substituíndoas por forzas especiais, formadas pola Escola das Américas. Esa “escola” gringa é coñecida por estratexias de contrainsurxencia que inclúe, entre outras cousas, a implantación do paramilitarismo naquelas poboacións onde se detecta presenza de familias zapatistas. E por medio do paramilitarismo, sen o goberno ensuciar as mans, levan a cabo desaloxos de familias que viven en terras recuperadas polo EZLN ou polas propias BAZ (Bases de Apoio Zapatistas). Ou sexa, desaloxan a poboación civil zapatista.

O noso percorrido continúa. Unha persoa do grupo queda en San Cristóbal, viaxa a Ocosingo, a Palenque e, finalmente, asiste ao V Caracol. As tres persoas restantes emprenden ruta participando nas brigadas BOTT (Brigadas de Observación Terra e Territorio) organizadas polo CAPISE (*3) e as Juntas de Buen Gobierno(*4).

Fomos logo entevistarnos co CAPISE para nos sumar ás Brigadas BOTT. As Brigadas son un encargo de La Otra Campaña (*5) ao seu paso por San Cristóbal. Visitan comunidades dos caracoles (*6) Roberto Barrios, La Garrucha e Morelia co obxecto de tomar testemuño das agresións armadas que sofren con especial atención precisamente nestes tres caracois (dos cinco existentes) porque son os que contan con comunidades e terras enteiras ou parcialmente recuperadas.

Tierra Adentro, local socio-cultural que dá espazo, entre outras iniciativas (cooperativas de artesanía de mulleres, libraría, cafetería…) á oficina do CAPISE, foi o lugar onde se preparou a participación nas brigadas. Un aval asinado por un colectivo, a entrevista persoal e formación de tres horas son requisitos necesarios para formar parte dunha brigada. No proceso, ademais do coñecemento do zapatismo e, concretamente, das cuestións relativas á terra (modalidades de división, procesos de legalización dos terreos, estratexias gobernamentais para o “despoxo legal”…), fíxose fincapé no comportamento dentro das comunidades, no caracol ou na relación coa Xunta de Bo Goberno. Aí é onde toma sentido o aval, pois o colectivo que avala responsabilízase de calquera repercusión das accións individuais.

Tres horas despois a BOTT número 30 partía para Palenque, unha das cidades cabeceiras do estado de Chiapas, ben coñecida do turismo internacional pola súa riqueza arqueolóxica. Nos arredores do mercado municipal, centro neurálxico da cidade, procuramos transporte cara ao caracol. A redila zapatista pasounos por diante entre o descontrolado ir e vir de camionetas. Non queda opción, subimos na do “inimigo” e namais chegar ao cruce de entrada e saída da cidade, a forza militar detén o carro priísta *. O discurso é unánime: “imos turistear”. Parchean unha das nosas mochilas e permítennos seguir adiante.

Sobrecollid*s pola exuberancia da paisaxe, viaxamos por unha serra de vexetación tupida. Atopámonos coa primeira grande brecha aberta polo poder: as obras dunha estrada ecoturística de dobre carril que divide montañas, mesmo a vida do caracol e algunhas comunidades ao seu paso. Este tipo de proxectos, expresión máxima do capitalismo feroz, estraga brutalmente a selva virxe. Como en Galizia, déixase de traballar a terra ao xeito tradicional para pasar a traballar no camiño do “progreso” que a destrúe. O que nós empezamos a perder hai un tempo, o contacto coa terra, está sendo defendido aqui, hoxe, en Chiapas, con uñas e dentes. Estase a camiñar en contra do tempo occidental, en contra da aceleración vertixinosa do tempo do Capital que todo devasta. Sí, o tempo indíxena, un tempo que se ergue co sol e se deita coa lúa, é o seu claro antagonista.

Serxio Regos “O García” *

* Este traballo foi realizado coa colaboración de Sandra Garrido nun extracto da primeira e segunda cronicas e de Estíbaliz Táboas nun extracto da segunda crónica. Tódalas crónicas se fixeron desde e para o Colectivo Galego de Acción Global Fuga Em Rede.

Esta serie de crónicas foi publicada na Revista Das Letras do xornal diario Galicia Hoxe:

http://www.galiciahoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=55&idNoticia=631727

Ligazóns referentes a esta Crónica:

http://www.coloquiointernacionalandresaubry.org/aubry.html

http://www.coloquiointernacionalandresaubry.org/videos.html

http://enlacezapatista.ezln.org.mx/2007/12/17/parte-vii-y-ultima-sentir-el-rojo-el-calendario-y-la-geografia-de-la-guerra/

http://www.capise.org.mx/node/30

Glosario:

*1: Alcume do Subcomandante Marcos para os traballos da Outra Campaña.

*2: Comisión nomeada polo Comité Clandestino Revolucionario Indíxena-Comandancia Xeral do EZLN para os traballos da Sexta Declaración da Selva Lacandona en México.

*3: Centro de Análise Política e Investigacións Sociais e Económicas.

*4: Órganos de goberno orizontais, civís e autónomos en territorio rebelde zapatista. Son rexidas por medio de cargos rotativos.

*5: Proceso político a marxe dos partidos políticos ke acoden as elección mexicanas, xorde da Sexta Declaración da Selva Lacandona do EZLN e plantexa outro xeito de facer política dende abaixo e a eskerda. Propón un Plan Nacional de Loita e unha nova constitución entre outras cuestións.

*6: Lugares onde se sitúan as sedes de autogoberno (Xuntas de Bo Goberno) repartidas en 5 zonas do territorio autónomo zapatista. Son ademais centros de encontro cultural e político e de formación en saúde, educación etc.

Os comentarios están pechados.

Theme Design by Deeogee. Key West Kayaking Sedona Scenic Drives South Beach Galleries